Nafti: "Somos o equipo máis humilde da categoría"
Mehdi Nafti ten un obxectivo para esta temporada: "Este club, esta cidade, esta afección merece ter unha temporada máis tranquila ca outros anos e os meus capitáns e a xente maior do equipo, todos están desexando ter unha temporada sen tanto sufrimento".
Pero iso non quita para que no manual de estilo de Nafti este Lugo parta desde a idea de que cada partido é unha batalla.
"Imos sufrir contra todos os rivais. Nós pensamos que somos o equipo máis humilde da categoría. Pensámolo e sentímolo", di o técnico albivermello.
Con dous partidos en catro días Nafti quere ter os pés no chan. E cando ao míster lle lembran que a derrota en Alcorcón deixa o equipo fóra dos postos de promoción de ascenso, ten unha recomendación para a afección: "Pero que a xente deixe de montar películas na cabeza. En Alcorcón faltáronnos tantas cousas que sacamos a conclusión de que foi un mal día".
Chega ao Anxo Carro o Oviedo. Outro equipo de sorte. O Lugo recupera a Djalo e El Hacen pero aínda non pode contar co Puma. E si, este Lugo está preparado para sufrir no terreo de xogo pero preocupacións, agora mesmo as mínimas.
"Unha temporada son 40 partidos, 42, se a cada derrota estás preocupado, pódelo pasar moi mal", apunta Nafti.