Nafti quere un pleno de vitorias ata o Nadal
Mehdi Nafti quere cambiar a inercia do seu equipo. Logo de 4 empates consecutivos e 5 xornadas sen gañar, quere rematar o ano cun pleno de vitorias: "Gustaríanos chegar ao Nadal gañando os dous partidos que quedan de liga máis o de copa", di o técnico francotunisiano.
Está a ter problemas cara o gol o Lugo, nos últimos 5 partidos só foi quen de marcar 3 goles. Ben é certo que só apañou 4 na contra. Nafti traballa para gañar en efectividade pero sen perder solidez defensiva. "Gustaríame xerar máis perigo preto da área rival pero sen poñer en perigo a nosa estabilidade defensiva, a nosa orde defensiva", apunta o adestrador.
E esa mellora que busca Nafti porase a proba ante a Ponferradina no derbi dos Ancares.
"Dígoche unha cousa, o tema rivalidade a esta altura da temporada é para min case secundario", sinala o técnico.
Pois para o encontro de rivalidade deste venres Nafti non poderá contar con Juampe, Manu Barreiro nin Carrillo. Ademais Djaló e El Hacen teñen problemas físicos.