CRTVG

Buscar

A Revista

Nace Referentes galegas, o primeiro directorio de profesionais galegas

Publicado o 20/08/2018 12:47
Falámoslles agora de igualdade. Son moitas as iniciativas que se veñen dando dende hai tempo para equiparar a valía profesional das mulleres cos homes.
Pero REFERENTES GALEGAS será, probablemente, unha das máis importantes para a nosa comunidade.
Recuperamos a nosa colaboradora en materia de igualdade, a xornalista Carla Reyes Uschinsky, despois dunha breve pausa do verán. Ola Carla…

Carla: Ola Loly, que tal?

---- En que consiste REFERENTES GALEGAS, que é este proxecto que nos traes hoxe?

Carla: REFERENTES GALEGAS é un gran directorio de mulleres galegas que destacan no seu ámbito profesional.
Referentes é unha iniciativa de EXECUTIVAS DE GALICIA e que ten como obxectivo identificar esas profesionais máis destacadas en todos os sectores da sociedade galega: a economía, a educación, a industria, o comercio, o deseño, a cultura, as artes, o mar , o rural, a arquitectura, as ciencias, a política, a xustiza, etc.

---- Por que xorde esta iniciativa?

Carla: Levamos moito tempo constatando que as mulleres en Galicia, coma no resto de España, están infrarrepresentadas e cremos que isto se debe á falta de coñecemento do talento e da profesionalidade feminina que existe. Na literatura, na música, na ciencia, na política os primeiros nomes que veñen á cabeza son case sempre de homes. Isto non quere dicir que non haxa mulleres. E habelas, hainas, pero non son coñecidas.

Referentes Galegas pretende poñer luz sobre todas elas, con nome e apelido, coa súa traxectoria, coa súa fotografía...

------ E como se fai ese proceso de identificación destas profesionais?

Carla: Hai tres xeitos:

1. A través da web de Executivas presentar a propia candidatura completando o formulario.
2. Tamén na web pódese presentar outras candidatas.
3. As propias socias de Executivas propoñen candidatas.

----- Imaxino que existe un proceso de selección, cales son os requisitos para formar parte deste directorio?

Carla: Os requisitos son simples:
Ser galega ou residente en Galicia:

· Mulleres profesionais vencelladas a Galicia
· Mulleres con experiencia profesional de como mínimo dez anos.
· Mulleres que ocupen postos relevantes no seu sector o que teñan un recoñecemento acreditado.

---- A quen vai dirixido este directorio? porque me dicías que sería unha ferramenta práctica de consulta…

Carla: Si, trátase dunha ampla base de datos que estará na nosa web. Está dirixida ás universidades, ás fundacións, colexios profesionais, administracións públicas, entidades sen ánimo de lucro e, por suposto, aos medios de comunicación.
Cando A Revista queira traer unha experta en calquera tema: velutinas ou resistencia do formigón... hai mulleres expertas que poden ser consultadas.

Sevi: Esta é unha ferramenta excelente para os xornalistas.

Carla: Pero tamén é un xeito de mostrar as rapazas modelos a seguir, de aí a palabra referentes.

---- A presentación oficial no mes de setembro?

Carla: Así é…

---- E por suposto A Revista estará en primeira fila.

Carla: Por suposto, iso espero…
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

20/08/2018