Nace Nave Nove, un restaurante con 8 estrelas Michelin que leva a mellor cociña galega ao Porto
Publicado o 09/09/2019 19:20
Toda unha constelación de talentos, oito estrelas Michelin e 20 soles Repsol, ofrecerán unha viaxe polos sabores da nosa cociña no Nave Nove. Un restaurante efémero que se instalará no Hotel Carrís do Porto e que funcionará como embaixador da nosa mellor gastronomía.
Promover Galicia como destino enogastronómico é o obxectivo desta iniciativa que apoia a Xunta a través dun convenio que tamén inclúe paquetes turísticos con experiencias arredor da cociña.
O Nave Nove busca atraer comensais internacionais e desestacionalizar as reservas máis aló do verán. Unha oportunidade única que comeza en Portugal, pero que podería ter continuidade noutras cidades nos vindeiros anos.