CRTVG

Buscar

Na primeira semana do xuízo, desmontan os argumentos do Chicle

Publicado o 18/11/2019 08:41

En só catro sesións, fiscalía e acusación particular desmontaron boa parte da coartada que dera Xosé Enrique Abuín o martes.

"Por medo a que me delatara, e entrara en prisión, cos xitanos tiña problemas, dirixinme a ela", declarou o Chicle.

O Chicle declarou que matara a Diana na Pobra, concretamente na rúa Venecia, ao descubrilo roubando gasóleo. Marca deste xeito un escenario do crime diferente do que defenden os investigadores, que o sitúan na nave de Asados. Ningunha das 35 testemuñas que compareceron a semana pasada avalaron a tese de Abuín, nin sequera a súa familia.

A súa irmá non quixo declarar...

"Non vou declarar".

A ex-muller do Chicle explicou que el lle pedira que mentira por el a noite en que supostamente matou a Diana.

"Dixen que saíra con el roubar gasoil. Era mentira", declarou Rosario.


Tamén os ex-cuñados declararon que os obrigara a mentir.

"Eu crino. Dixo que polos seus antecedentes o querían culpar de algo que non fixera"

"Non cremos que fixera semellante animalada".

Especialmente ilustrativo foi o testemuño do amigo co que habitualmente saía o Chicle. Unhas saídas que tiñan por escenario, dixo, discotecas, clubs de alterne e ata institutos.

"Iamos a institutos, a calquera, moitas veces. Berráballes 'guapas, tías buenas".

Unha imaxe de depredador sexual que apuntalaron varias mulleres que declararon que sufriran acoso por parte do acusado.

Foi clave tamén a declaración dos nove feirantes o xoves que desmontaron a tese do roubo do gasóleo.

"A min nunca me faltou gasoil", declarou unha feirante.

Tamén declararon que non oíran ningunha pelexa ou forcexo onda as caravanas. Importante para as acusación foi tamén o testemuño da última rapaza que viu a Diana con vida. Declarou que a viu marchando polo Paseo do Areal, pasada a zona dos feirantes, e non pola rúa Venecia como dixo o Chicle.

"Deixei de vela ata os límites do parque", declarou a súa amiga Nerea.

A outra clave do xuízo é demostrar se foi un homicidio casual ou se realmente houbo planificación. Haberá que demostrar se Abuín usou para asfixiala a brida que apareceu no pelo de Diana.

Tamén vai ser determinante demostrar que houbo agresión sexual, é dicir, violación, para outorgar ou non a prisión permanente revisable.
Os mergulladores profesionais declararon que a postura antinatural que presentaba o corpo de Diana, pola inusual separación dos membros inferiores, corresponde a unha situación de pánico extremo antes de morrer.

 "O corpo como resposta xera unha adrenalina tan grande que xera un bloqueo. Eso é porque antes de morrer sucedeu algo espantoso"

Tamén se exhibiu un vídeo cun simulacro do afundimento cunha mergulladora profesional á que lle amarraron bloques de cemento como os que o acusado usou, supostamente, para lastrar o corpo da súa vítima. A proba evidenciou que o corpo non quedou flotando, tal e como asegurou Abuín na súa declaración.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/11/2019