Na marcha do 25 de Xullo Ana Pontón reivindícase como alternativa de goberno
A xornada foi tamén de reivindicación. O Bloque Nacionalista Galego celebrou a súa tradicional manifestación do 25 de Xullo en Santiago.
Ana Pontón, acompañada por outros cargos do BNG, encabezou a marcha. Apostou por un futuro verde e feminista para Galicia e dixo que o Bloque é a mellor alternativa. "Estamos ante un 25 de Xullo que é un día para celebrar que somos un gran país onde o BNG representa a alternativa para darlle un futuro diferente fronte a un goberno que nos deixa atrás. O BNG é a alternativa para construír un país con futuro", afirmou Pontón.
Os participantes no acto reivindicaron Galicia como nación. "Galicia ten dereito a escoller o seu futuro, á soberanía e a unha vida mellor", explicou un dos manifestantes.
Os manifestantes amosaron o seu descontento ao paso dos avións do exército que debuxaron a bandeira de España no ceo de Santiago. Un dos mozos que acudiu á marcha dixo que o facía para "defender a nosa nación, o noso país, que segue asoballado e colonizado polo Estado español".
Este ano o líder de Esquerra Republicana de Cataluña Oriol Junqueras tamén participou no acto. A marcha, como é tradición, rematou na praza da Quintana.