CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Na fala arxentina persisten expresións do farruco, unha mestura de galego e italiano

Publicado o 08/09/2015 21:34

Imos agora cunha curiosidade. Saben que en Bos Aires existiu unha modalidade lingüística, coñecida como farruco, que mesturaba o galego co italiano? Pois a súa influencia mantense no tempo da man de certas expresións e palabras de uso común para os porteños.

"Lurpiar", "anaco", "buraco" ou "mala fariña"... son algunhas das palabras de orixe galego que perviven actualmente na fala e expresións dos rioplatenses e que deron forma a unha fala de transidición denominada farruco.

Esta interferencia lingüística entre o español da Arxentina, o italiano e o galego, deu lugar a unha xerga propia que queda patente en diversos sainetes literarios da época, aínda que non logrou consolidarse.

"O farruco, sendo unha fala de transición por definición, non puido consolidarse. A única maneira de que seguise existindo o farruco en Bos Aires é que continuasen vindo galegos", di ÓScar Conde, académico e estudoso do farruco.

Pese a todo, os restos que se manteñen na fala porteña non corren perigo xa que se consideran como propios.

"Están absolutamente incorporados e son palabras que xa teñen 120 anos de vida entre nós, e parece raro que se vaian perder".

Ante a falta de testemuñas vivas que den mostra da consistencia do farruco, os expertos apostan pola revisión da literatura e das letras dalgúns dos tangos máis coñecidos que xurdiron na mesma época.

Queda todo por estudar aínda do que se coñece como cocoliche galego ou farruco. Unha tarefa da que se encargan os doutores Óscar Conde ou Marina Guidotti.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

08/09/2015