CRTVG

Buscar

Na conta atrás para as rebaixas na AP-9, os transportistas din que o desconto non é suficiente

Publicado o 13/07/2021 15:18

Son descontos moi esperados, e a espera faise longa para moitos. "Que se vai, que se non vai, así levamos moito tempo" di un condutor. "Debera ser gratis para os galegos, que xa temos máis que pagada" reclama outro. 

Para eles, condutores de vehículos lixeiros, están previstas bonificacións como a volta gratis ou un vinte por cento de desconto extra se fan máis de vinte viaxes ao mes.

No sector do transporte pesado, a alegría é menos. Terán unha rebaixa do vinte por cento, pero din que non chega. "Facer Ferrol-Tui, ida e volta, para un camión son cen euros" explica Alberto Vila, coordinador da federación de transportistas Apetamcor. "Vai seguir sendo prohibitivo facelo con só un vinte por cento de desconto", engade.

As peaxes son unha carga económica para eles, pero non só iso. "Supoñen un problema ambiental, de seguridade viaria e, sobre todo, de competitividade empresarial", di o xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Iago Domínguez. 

Di que para corrixir ese desequilibrio o desconto tería que ser polo menos do 55 por cento, e que só a partir de aí sería viable que o transporte pesado viaxe pola autoestrada.

 

Noticias web

13/07/2021