CRTVG

Buscar

Na Arxentina, os galegos tamén celebran o Día de Galicia

Publicado o 25/07/2018 16:41

Da outra marxe do Atlántico, na Arxentina, centos de galegos tamén saíron ás rúas de Bos Aires para celebrar este 25 de xullo. 

No Día de Galicia, o icónico Obelisco porteño e a compostelá praza do Obradoiro estiveron máis unidos ca nunca, pois centos de galegos residentes na Arxentina congregáronse aquí, en plena Avenida 9 de Julio de Bos Aires, para festexar e lucir o seu orgullo de ser galegos. 

O noso himno soou no xélido corazón de Bos Aires coincidindo coa medianoite galega para dar inicio ás celebracións. 

"Moito frío pero vivímolo co corazón quente, con ganas de facer Galicia, con ganas de facer sementeira, e con ganas de ser galegos".

Instrumento en man e algúns ata ataviados co traxe tradicional, os nosos compatriotas da quinta provincia sorprenderon os viandantes cos cantos e danzas propias da terra nesta segunda edición do 'Obeliscazo galego'. 

"É sentir Galicia". "Autoconvócanse, veñen cada un cos seus instrumentos, os bailaríns coas directivas, os estandartes, a única proposta é que veñan a compartir xuntos o Día de Galicia". 
Para moitos é o seu xeito de lle render tributo a unha Galicia que levan tatuada na alma.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/07/2018