CRTVG

Buscar

Bos días

Na Arxentina fai un ano do "cambio" promulgado polo seu presidente, Mauricio Macri

Publicado o 14/12/2016 09:48

Na Arxentina fai un ano do "cambio" promulgado polo seu presidente, Mauricio Macri. 365 días centrados en devolver o país á axenda internacional, conseguir investimentos no exterior e saldar algunhas das débedas históricas do Estado.
Pero tamén un tempo en que tiveron que tomar decisións difíciles que lastraron a economía dos arxentinos.

En só un ano de mandato Mauricio Macri logrou poñer a Arxentina no mapa internacional.

Prometía un cambio e converter a Arxentina nun país do século XXI. Só días despois de trocar no flamante xefe do Executivo nacional, Macri quitou o cepo cambiario, os aranceis que gravaban o campo e pouco despois viría o pago da débeda histórica cos especuladores externos.

O foco estaba posto en facer atractivo o país para os investidores despois de décadas de bloqueo.

Pero parece que a choiva de dólares se está a facer agardar, mentres o desemprego aumenta e o produto interior bruto cae.

Os arxentinos tiveron que pagar peaxe para converterse no país modernizado ao que aspiraba Macri. Teñen unha inflación que anda polo 40%, os seus aforros víronse desvalorizados case á metade e a industria nacional parece que non acaba de levantar cabeza.

Polo de agora o Goberno segue a pedir tempo. Tempo para arranxar un país que recibiron -din- á beira da crise e coa promesa de que os bos resultados comezarán a verse no 2017. Un ano clave en que terán unha nova cita coas urnas para renovar parte das bancadas do Congreso e do Senado e onde se verá se Macri mantén o apoio da cidadanía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

14/12/2016