CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Na Arxentina arranca o xuízo contra o ex-vicepresidente kirchnerista Amado Boudou

Publicado o 03/10/2017 21:26

Na Arxentina iniciouse o xuízo oral contra o ex-vicepresidente Amado Boudou pola compra ilegal dunha imprenta de papel moeda, no que se coñece coma un dos casos máis importantes de corrupción da presidencia de Cristina Fernández de Kirchner.

O ex-vicepresidente da Arxentina sentou no banco dos acusados destes Tribunais Federais de Comodoro Py, en Bos Aires, nos que me atopo.

Está acusado por un dos delitos máis graves da era presidencial de Cristina Fernández de Kirchner. Presuntamente, Amado Boudou comprou a maior imprenta de papel moeda da Arxentina, chamada Ciccone, aproveitando a súa situación de quebra.

Segundo a investigación xudicial, o ex-vicepresidente realizou a compra a través dun home de palla co obxetivo de contratar co Goberno de Fernández de Kirchner a impresión de billetes e documentación oficial do Estado arxentino.

Boudou está acusado dun delito de suborno e negociacións incompatibles co exercicio da función pública. Cargos polos que podería ser condenado ata a 12 anos de cadea.

Na primeira sesión do xuizo a defesa do ex-vicepresidente pediu a nulidade do proceso, que se agarda que se prolongue durante un ano.

A comparecencia ante os tribunais de Boudou súmase á de outros destacados funcionarios kirchneristas acusados tamén por delitos de corrupción. E a propia ex-mandataria, Fernández de Kirchner, deberá facelo nos vindeiros meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

03/10/2017