Muxía, cunha alta incidencia, empeza a dobregar a curva
"Vai facer dúas semanas que dei e estiven dez días en corentena e fixen antes de onte a proba e dei negativo xa", comenta Kevin Bermúdez, veciño de Muxía.
As altas destes días empezan a notarse no cómputo global de Muxía, que parece que empeza a debuxar unha curva descendente.
"Efectivamente, os datos que manexamos sobre todo do día de hoxe é que parece que se está estabilizando esa curva e que non só se está estabilizando, senón que empeza a baixar, polo tanto, cremos que é unha boa noticia dentro das circunstancias difíciles que estamos a vivir", informa Iago Toba, acalde de Muxía
Malia a alta incidencia, están vivindo o mellor verán en canto a afluencia turística se refire.
"Para min, sobre todo este mes, foi o melloriño que houbo nunca, non afectou nada a enfermidade, a covid nin nada", apunta Amador Barbeira, restaurador.
"Cada vez hai máis, xa o primeiro ano que tivemos coa covid houbo máis xente da que agardabamos e este ano hai o dobre de xente ca o ano pasado. Verdadeiramente é un sitio moi tranquilo, a xente tamén se expande moito, non está moi concentrada no mesmo sitio, entón pode ser un motivo de que a xente veña para aquí", conta Elisa Caamaño, camareira.
"Non nos metemos en sitios pechados, se tomamos algo, tomámolo fóra", di unha turista.
"Polo que podo comprobar a nivel persoal, si que se senten seguros e non nos transmiten ningunha queixa", apunta Rubén García, camareiro.
"Aquí estamos seguros, pero gardando as distancias", sinala unha turista.