CRTVG

Buscar

Música e caldo de gloria para celebrar o Día de Rosalía

Publicado o 18/02/2019 15:10

A Fundación Rosalía de Castro fai un chamamento aos músicos galegos para que o 24 deste mes inicien a xornada interpretando a Alborada de Rosalía. Quere celebrar así o día da escritora.

"Celebramos o nacemento tamén de algo que nos ilusiona, a figura de Rosalía de Castro, porque con ela nace para Galicia unha alegría unha esperanza, un soño de prosperidade e de dignidade para nosa cultura e para a nosa lingua", di o presidente da Fundación.

A Fundación fai tamén un chamamento para que restaurantes, colexios e casas particulares fagan ese día o caldo de gloria, o caldo de pobre que Rosalia de Castro describiu no seu poema Miña casiña meu lar. A escritora Ledicia Costas será a encargada de cociñalo na casa de Rosalía en Padrón.

"Un caldo humilde que Rosalía se viu na obriga de facer despois de pedir e que lle foran negando os ingredientes, os alimentos, dixo, pois co pouco que teño, co básico, unto, auga, verzas e sal vou facer ese caldo de gloria", di Ledicia Costas.

No día de Rosalía haberá, ademais, actos institucionais en Padrón e Santiago, ofrendas e concertos.

Noticias web

18/02/2019