CRTVG

Buscar

O novo Museo do Empire State, obra do galego Jorge Martínez

Publicado o 29/07/2019 15:13

O novo Museo do Empire State é obra dun galego. O deseñador museístico Jorge Martínez ideou a transformación de varias plantas do rañaceos para os catro millóns de turistas que visitan cada ano este emblemático edificio de Nova York. En setembro inaugurarase unha sala na antena, a máis de catrocentos metros de altura. 

No corazón de Manhatan, Jorge Martinez contempla o Empire State. Este deseñador de museos convidanos a subir a un dos teitos da cidade. O seu último proxecto abre unha nova entrada pola rúa 34, unhas salas no segundo andar e modifica o mirador o aire libre da planta 86.

Unha experiencia nova para os visitantes que veñen ao edificio de todas as partes do mundo para subir ao observatorio para ver as vistas de Nova York.

Trátase dun proxecto de 174 millóns de dólares que axuda a entender mellor a cidade.
Este fillo de galegos xa deseñou outro dos espazos máis visitados da cidade o memorial do 11 de setembro.

"A este edificio veñen 4 millóns e medio de persoas cada ano. Outro proxecto que fixen foi o museo do 9-11, onde estaban situadas as Torres Xemelgas, alí xa o visitaron outros 10 millóns".

No memorial do 11 de setembro inspirouse na Praza Maior de Celanova. Asegura que as vivencias da súa infancia en Galicia outorgáronlle a calidade de favorecer a comunicación entre as persoas.

"Agora Nova York ten un toque galego. Son un galego que cambiou moito o que é a experiencia dos visitantes que veñen de todo o mundo á cidade máis famosa do mundo".

Mais a gran novidade inaugurarase en setembro, unha gran sala na antena do Empire State, a uns catrocentos metros do chan, no ceo de Nova York.

Noticias web

29/07/2019