CRTVG

Buscar

Muros sobe dous chanzos: pasa do nivel medio ao máximo de restricións

Publicado o 29/07/2021 15:03

Superada a cuarta onda, en Muros pasaron maio e xuño sen notificar casos de coronavirus. Pero a medida que avanzaba xullo, a situación complicábase.

"Houbo un caso a primeira semana, a segunda semana foron 13", explica a alcaldesa, Inés Monteagudo. Di que os casos aumentaron a medida que foi aumentando a poboación, e que "a semana pasada xa foi unha explosión".

Unha explosión que deixa 77 casos en 14 días, 51 nos últimos sete. Son as peores cifras do concello en toda a pandemia.

"É unha variante que se contaxia moi facilmente", di a alcaldesa, "basicamente entre xente xove, con moitos contactos", engade.

A incidencia acumulada a 14 días disparouse ata os 914 casos por cen mil habitantes. Por iso soben dous chanzos: pasan do nivel medio ao máximo de restricións.

A hostalería ten que reducir capacidade, e os hostaleiros quéixanse. "Case o 50 por cento do noso volume de negocio facturámolo nestes dous meses de verán", explica Eloi Fernández, presidente da Asociación de Hostalería de Muros. "Xa vimos dun ano moi duro, e ter agora estas restricións fará que non sexa un verán bo", asegura.

O centro de saúde de Muros fará tests de antíxenos ás persoas entre 16 e 29 anos este venres pola tarde.

 

Noticias web

29/07/2021