Gromos en Muros e Santa Comba e contaxiada a traballadora dunha residencia en Lalín
O último gromo rexistrado no concello de Muros afecta a oito persoas. Son veciños da localidade que están relacionados entre si e pertencen a núcleos familiares próximos. Todos están ben, coa obriga de manterse illados na casa. É a segunda repunta detectada no muncipio nos últimos días, despois dos dez positivos relacionados co cámping de Louro.
En Santa Comba,11 persoas que participaron nunha comida familiar están infectadas. A maioría non presentan síntomas de coronavirus. O rastrexo dos seus contactos continúa, polo que pode aparecer algún caso máis.
As reunións familiares son a orixe dunha parte dos focos rexistrados nas últimas semanas.
En Melide desbotan facer un xantar familiar. E é que nestas datas nas que a vila adoita celebrar o San Roque non hai nin mercado do domingo. Dende o concello chaman á calma.
O gromo detectado na vila relacionado cun grupo de mozos suma 21 positivos. Hai outros tres veciños infectados nun foco familiar e 16 casos achados no cribado entre a poboación de 18 a 30 anos.
En Lalín, o positivo dunha unha traballadora da residencia de maiores obrigou a realizarlles a proba a todos os residentes e profesionais .
Agárdase o resultado das 215 PCR feitas esta tarde. Na área sanitaria de Santiago-Barbanza hai tres persoas hospitalizadas, todas en planta.