CRTVG

Buscar

Murcia sobe ao risco medio e Galicia segue sendo a comunidade coa menor incidencia

Publicado o 23/06/2021 19:34
AXENCIAS

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 4.341 novos casos de COVID-19, 2.124 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son superiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 3.832 positivos.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 3.773.032 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 92,57, fronte a 92,25 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 43.927 positivos.   

Segundo explicou Carolina Darias en conferencia de prensa ao termo da reunión do Consello Interterritorial de Saúde, a incidencia vaise igualando entre comunidades e só dúas autonomías presentan unha incidencia "de máis dun 20 % superior á media do país".

Revelou que estas comunidades, ás que non citou, notifican o 34 % dos casos e supoñen o 18 % da poboación.

No informe deste mércores engadíronse 29 falecementos, en comparación con 98 o mércores pasado. Ata 80.748 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 66 persoas con diagnóstico de COVID-19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 2.504 pacientes ingresados por COVID-19 en toda España (2.691 onte) e 683 en UCI (728 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 265 ingresos (298 onte) e 398 altas (440 onte). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 2,04 por cento (2,19% onte) e nas UCI no 7,20 por cento (7,80% onte).   

Entre o 13 e o 19 de xuño, as comunidades autónomas realizaron 612.551 probas diagnósticas, das cales 396.577 foron PCR e 215.974 test de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 1.302,57.

A taxa total de positividade sitúase no 4,17 por cento, fronte ao 4,2 por cento de onte

Noticias web

23/06/2021