CRTVG

Buscar

Multitudinaria mobilización indíxena contra o Goberno interino de Bolivia

Publicado o 15/11/2019 16:10
Multitudinaria mobilización indíxena contra o Goberno interino de Bolivia

Milleiros de campesiños e indíxenas bolivianos manifestáronse en La Paz contra o Goberno de Jeaninne Áñez, e para reivindicar a wiphala -a bandeira das comunidades orixinarias-, considerada un símbolo pola Constitución de 2008. Foi na mesma xornada en que a autoproclamada presidenta interina deu novos pasos coa idea de avanzar nunha transición, nomeando cinco ministros máis que se suman aos once xa designados; a sorpresa foi a elección dunha indíxena aimara como responsable de Culturas e Turismo.

O Senado elixiu por unanimidade como presidenta unha parlamentaria do MAS, o partido de Evo Morales, logo de que o Congreso fixera o propio cun deputado da mesma formación, que ten maioría nas dúas Cámaras. Desde o actual Executivo informouse de contactos co Movimiento al Socialismo para "lograr pacificar o país", onde xa se contan doce mortos e máis de medio milleiro de feridos en case un mes de enfrontamentos: aseguran que non haberá persecución política porque o queren é convocar comicios canto antes.

Jeaninne Áñez instou a Evo Morales a non facer declaracións públicas desde México "na súa condición de asilado en proceso", pero as autoridades aztecas saíron en defensa da liberdade de expresión do ex-mandatario, que insiste en denunciar un golpe de Estado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí