CRTVG

Buscar

Multitudinaria manifestación en Barcelona pola liberdade dos independentistas presos

Publicado o 12/09/2018 08:54

A Garda Urbana de Barcelona cifra nun millón de persoas as que asistiron esta tarde á manifestación da Diada. Unha concentración multitudinaria que este ano se converteu nun clamor pola liberación dos líderes do procés que están encarcerados. O Goberno catalán puxo hoxe esa condición, que queden libres, para iniciar calquera tipo de diálogo co Estado.

Independencia e república, e este ano, ademais, liberdade para os políticos presos. Foi a consigna máis berrada na manifestación da Diada, que por sétimo ano consecutivo concentrou as forzas independentistas no día de Cataluña. Con seis quilómetros da Diagonal de Barcelona ocupados, a Garda Urbana cifra nun millón o número de asistentes, os mesmos que o ano pasado, aínda que Sociedade Civil Catalana rebaixa a cifra aos 200.000. Entre os participantes estaban o presidente da Generalitat, o do Parlamento, e o Goberno catalán en pleno. Quim Torra pediulle a Pedro Sánchez que mire as rúas e tome nota.

O Goberno catalán reiterou ao longo do dia a súa vontade de diálogo co Goberno central, pero deixou claro que hai condicións, e a primeira que pon é que os líderes do procés queden libres.
Na manifestación da Diada participaron tamén os avogados dos políticos presos e fuxidos ao estranxeiro, e os presidentes de Omnium Cultural e da Asamblea Nacional Catalá, que chamron a combater o Estado, e instaron ás forzas independentistas a que aparquen as diferenzas e traballen unidas para facer efectiva a república.

Ciudadanos, o PSC e o PP non foron a esta manifestación. Na súa opinión, trátase dun acto excluínte. Entenden que a Generalitat secuestrou a festa de todos os cataláns. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2018