Multiplícanse as homenaxes a Isaac Díaz Pardo polo centenario do seu nacemento
"Non presumo de nada, nin de escritor, nin de intelectual, nin de nada, eu traballo e nada máis", dicía Isaac Díaz Pardo.
Pintor, ceramista, editor, promotor cultural, empresario...Son moitas as facetas que destacan na vida de Diaz Pardo, un dos persoeiros claves da cultura galega no século XX. Unha grande exposición lembrará a súa polifacética figura con motivo do centenario do seu nacemento.
"Non existe unha personalidade tan polivalente como a de Isaac Díaz Pardo, que logrou sacar adiante tantos proxectos de distinta índole e cunha carga ideolóxica, identitaria e cultural tan enorme como os que fixo el", explica Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo e comisario da exposición.
A mostra chegará á Cidade da Cultura o 6 de novembro, pero outras inciativas cidadáns están tamén a renderlle homenaxe. Unha delas é o do colectivo Alento Esbravexo, que reúne na rede 250 pezas de artistas para menter viva a importancia do seu legado.
"Manolo Rivas dicía que era o home máis querido de Galicia. O que fixo por Galicia desde ben novo e ata os seus últimos días foi admirable e por iso queremos que a súa figura se manteña viva", explica Maika Arca, do colectivo Alento Esbravexo.
Impulsor do Laboratorio de Formas, do Grupo Sargadelos, do Museo Carlos Maside ou da editorial Edicións do Castro, a obra de Díaz Pardo supuxo un proxecto de modernización cultural e económica de Galicia na segunda metade do século XX.