CRTVG

Buscar

Multiplícanse as evacuacións en Australia polos incendios

Publicado o 03/01/2020 04:47
Multiplícanse as evacuacións en Australia polos incendios

As Forzas Armadas evacúan Mallacoota por mar

Milleiros de veciños e turistas dos estados australianos máis afectados pola vaga de incendios forestais que causou polo menos 19 mortos desde setembro, dez deles no que vai de semana, están sendo evacuados ou escapan da casa ante a previsión de que a xa difícil situación empeore nas próximas xornadas. En Victoria, onde se contan vinte e oito desaparecidos, o xefe de Goberno estatal declarou o estado de desastre para un mes en seis áreas arrasadas polo lume e elevou a alerta na zona alpina, onde para mañá se anuncian temperaturas por riba dos corenta graos e forte vento. As Forzas Armadas activaron hoxe a operación para rescatar por mar unhas catro mil persoas atrapadas desde hai días na localidade costeira de Mallacoota.

Ante o empeoramento das condicións meteorolóxicas, na veciña Nova Gales do Sur, o estado máis castigado polas lapas, declarouse o estado de emerxencia durante unha semana, que implica evacuacións forzosas que xa comezaron no que, segundo as autoridades, será a maior reubicación de xente que se víu na rexión. No Territorio da Capital Australiana, ó que pertence Camberra, declararon o estado de alerta ante a ameaza dos incendios e a situación tamén é complicada na illa de Tasmania.

Os universitarios convocaron para hoxe protestas en varias cidades para reclamar unha maior implicación das autoridades na loita contra o cambio climático e un maior apoio ós bombeiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí