Multiplícanse as consultas laborais a graduados sociais
O Colexio de Graduados Sociais de Lugo ofrece desde hai tres anos orientación e asesoramento laboral gratuíto a empregados e autónomos con poucos recursos. Desde que comezou a pandemia, o número de solicitudes incrementouse.
Os graduados sociais, expertos en trámites laborais, non daban abasto cando empezaron os problemas empresariais derivados da pandemia. O número de consultas que recibían no Colexio de Graduados de Lugo, que ofrece asesoramento de balde a persoas sen recursos, multiplicouse.
"Todo o que viña sendo habitual antes de marzo, máis o que ocorre de marzo para aquí. Os traballadores que están en ERTE e non cobran en dous meses, e que teñen dificultades. E pregúntannos por que lle pagan a un e outro non, por que ao meu compañeiro lle pagan tantas pesetas e a min cantas", di Manuel Núñez Carreira, presidente do Colexio de Graduados Sociais de Lugo.
Núñez Carreira, que é ademais vicepresidente do Consello Xeral de Colexios de España, asegura que nesta segunda vaga os procesos administrativos melloraron. "Ata o de agora non ían ao día nas tramitacións, pero agora si que se están resolvendo con maior rapidez. Aínda que xorde outro problema, a pensión mínima vital, tamén nos preguntan por iso, que tamén foi unha avalancha", engade.
Os graduados sociais tramitan arredor do 80% dos problemas laborais de España. Igual que os de Lugo, a metade dos 43 colexios que hai en todo o Estado prestan orientación de balde a xente sen recursos.