CRTVG

Buscar

Multan a líder do PSOE de Ferrol por "inxurias" cando lle chamou machista a un xuíz

Publicado o 16/11/2020 16:57
Multan a líder do PSOE de Ferrol por "inxurias" cando lle chamou machista a un xuíz

A secretaria xeral do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo, foi condenada a pagar unha multa de 2.100 euros por un delito de inxurias con publicidade contra un maxistrado ferrolán "ao introducir nas súas redes sociais comentarios" sobre o xuíz, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.Nun comunicado, o Alto Tribunal galego apuntou que o denunciante era "nese momento titular do xulgado de Violencia sobre a Muller de Ferrol".

Os feitos remóntanse a maio do ano 2017. A sentenza, que procede do xulgado do Penal número 2 da cidade ferrolá, tamén lle impón "o abono dunha indemnización ao afectado de 500 euros polos danos morais causados". Ademais, establécese que a "denunciada tamén deberá publicar a sentenza, unha vez sexa firme, no seu perfil de Facebook".

"A condenada emitiu un xuízo de valor sobre o maxistrado tachándoo de machista, expresión de evidente carga ofensiva", estima o tribunal. Para a relatora da sentenza, a acusada non expuxo "fundamento ningún que avale" a cualificación do machista ao xuíz, polo que alude a "un puro insulto".

Subliña que non "só garda relación co desempeño profesional do xuíz, senón tamén coa súa vida privada ou familiar, pois se supón que o home machista o é tanto no persoal como non profesional". Deste xeito, valora que non "se xulga aquí un improperio calquera nin unha crítica ás resolucións do xuíz que se puidesen considerar máis ou menos acertadas".

"Acúsase de machista o maxistrado que coñecía neste partido xudicial as denuncias por violencia de xénero", matiza o ditame. Desta forma, incide en que a "acusación carece de base fáctica nin argumentos que a apoien" e, ademais, con esas afirmacións tamén pon en dúbida a capacidade profesional do denunciante.

Finalmente, sinala que se "realizou coa publicidade que proporciona Facebook e foi formulada por unha persoa moi coñecida en Ferrol pola súa dedicación á política e con responsabilidades públicas en temas de muller".