CRTVG

Buscar

Multan a directora da Axencia Española de Medicamentos cando pretendía viaxar a Galicia

Publicado o 20/04/2020 11:31
Multan a directora da Axencia Española de Medicamentos cando pretendía viaxar a Galicia

A Axencia Española do Medicamento emitiu un comunicado no que recoñece que María Jesús Lamas, directora deste organismo, foi multada pola Policía Local de Madrid cando pretendía viaxar a Galicia, onde vive a súa familia, o pasado Xoves Santo, segundo informaba o xornal 'El Mundo'.

O relato dese diario era que a directora da Axencia Española de Medicamentos, a que se ve nalgunhas conferencias de prensa do Ministerio de Sanidade para informar sobre a pandemia do coronavirus, lle explicou a Policía Local que ía coller o tren á estación de Chamartín porque a súa residencia habitual é en Santiago de Compostela, e que despois regresaría outra vez a Madrid porque neste momentos é necesaria a súa presencia na capital de España. Segundo a policía, non levaba ningun documento que acreditase esta información.

Esta mañá, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios emitiu un comunicado en que di que María Jesús Lamas ten a residencia familiar en Santiago de Compostela, onde vive co seu marido e cos fillos. No comunícado engádese textualmente que "como traballadora esencial, pode desprazarse desde o seu centro de traballo ao seu domicilio ao amparo do RD de estado de alarma".

No mesmo comunicado engádese que María Jesus Lamas "presentou alegacións ao expediente sancionador e que achegou os documentos que acreditan o seu testemuño".

María Jesus Lamas, doutora en Farmacia pola universidade de Santiago de Compostela, antes de ser a directora da Axencia Española de Medicamentos, dirixía o servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS).