CRTVG

Buscar

Movemento nos aeroportos españois coa chegada de turistas europeos

Publicado o 20/03/2021 21:14

Esta fin de semana varios aeroportos españois reciben viaxeiros procedentes de diferentes puntos de Europa, moitos deles alemáns. Madrid, Andalucía e as Illas Baleares son algúns dos destinos elixidos polos turistas. Teñen que viaxar, iso si, cunha PCR negativa.

O turismo internacional comeza a regresar a España, para facelo teñen que presentar unha proba PCR negativa realizada dentro das 72 horas anteriores da chegada a España... Estas son imaxes do aeroporto de Málaga, onde este sábado había bastante movemento de viaxieros. Na Costa do Sol xa se podían atopar visitantes europeos.

"Só nos pediron a PCR para entrar, foi fácil" "Imos intentar facer moitas cousas, gozar do sol, iremos xogar ao golf e algo de música..." "Vou pasar 20 días, de traballo e á vez de vacacións, as dúas cousas", din estes turistas.

As aeroliñas alemás detectaban estes días unha gran demanda de voos programados para as Illas Baleares. Os voos de Eurowings, a marca de baixo custo de Lufthansa, están "completos" en pouco tempo, segundo informaba a propia aeroliña. Un dos destinos favoritos... Mallorca. Para visitala necesítase unha proba PCR negativa. Os turistas alemáns amosábanse á súa chegada felices de fuxir das restricións pola covid-19 no seu país...

"Absolutamente xenial. Estamos moi contentos de lograr vir aquí".
"Imos quedar na casa dun amigo para relaxarnos e gozar do bo clima...", di esta muller alemá, aínda que hoxe chovía en Mallorca.
Alemaña decidía a semana pasada levantar o requisito de corentena para os viaxeiros que regresan das Illas Baleares.
 

Noticias web

20/03/2021