CRTVG

Buscar

Motíns en trinta prisións italianas en protesta polas medidas contra o coronavirus

Publicado o 09/03/2020 21:05

Sete presos mortos, tres por sobredose tras asaltar a enfermería, e decenas de fuxidos. É o resultado provisorio da vaga de motíns nas prisións italianas. A prohibición das visitas polo coronavirus desatou as protestas, que xa chegaron a unha trintena de cárceres.

É un desafío máis para as autoridades italianas tras a entrada en vigor da corentena que afecta a 16 millóns de personas.

Nas 14 provincias afectadas funciona o transporte, pero hai que obter un permiso para abandonar a zona vermella. Hai controis en estacións, estradas e aeroportos a fin de controlar quen sae e quen entra.

"Estamos agardando polas indicacións do Goberno, e parece que non estamos tan illados como parecía que iamos estar", conta Antón Rey, estudante galego en Padua.

Pero en última instancia, apélase á responsabilidade individual, tanto nas zonas en corentena como no resto do país. "Italia non merece está situación, pero as cousas son como son. A xente xa non se saúda, xa non se da bicos; por outra parte, hai certa desconfianza. Nos supermercados xa comezo a ver que a xente vai cos carros cheos para ter comida na casa", conta María Xosé Bravo, profesora na univesidade romana de La Sapienza.

A sensación de tristeza invade Italia. O último parte oficial eleva a 463 os mortos por coronavirus, 92 máis ca o domingo. A cifra de contaxiados achégase aos 8.000, 1600 no último día. A metade dos infectados precisan hospitalización.

O Parlamento Europeo reduce o pleno para evitar contaxios

O pleno do Parlamento Europeo reduce a súa duración a só un día por mor do coronavirus. Só se debaterán tres temas e non haberá votacións. Algúns grupos pedían que se puidese votar a distancia, xa que varios eurodeputados non poden asistir pola corentena.
Ademais pídeselles aos parlamentarios que deixen un oco libre nos escanos para garantir un metro de distancia cos seus compañeiros. Xa a semana pasada decidiran que o pleno se celebrase en Bruxelas, e non en Estrasburgo como estaba previsto, para evitar as viaxes e a propagación do virus.

 

Noticias web

09/03/2020