CRTVG

Buscar

Mostras de artesanía e oficios no San Froilán

Publicado o 07/10/2020 14:49

Os artesáns da provincia de Lugo non faltaron á súa cita co San Froilán. Coiro, lá, madeira, ferro ou cristal convertidos en xoias, complementos, bonecos, adornos ou xoguetes van estar expostos ata o día 12 no lugar de sempre, na praza de Anxo Fernández. Como é lóxico, tomáronse todas as medidas de seguridade sanitaria empezando por sustituir a tradicional carpa por casetas ao aire libre. Aínda que o tempo non axuda, os participantes agardan unha edición boa dentro das circunstancias.

"Debido á situación, as espectativas eran baixas pero non está mal. Se o tempo axudara aínda sería mellor. Non hai queixa".

Outro evento que se pode visitar é a mostra de oficios tradicionais onde o vello cárcere. Hoxe foi a quenda dos ebanistas e escultores en madeira así como dos queixeiros de Castroverde. Ademais, hai unha exposición permanente de traxes típicos galegos confeccionados por Traxandaina.

"Mandan as circunstancias, pero aplicando o sentido común e tendo coidado non debe haber problemas".

Para o sábado está prevista unha mostra de construción de instrumentos musicais tradicionais a cargo de importantes luthiers da provincia.

Noticias web

07/10/2020