CRTVG

Buscar

As residencias de anciáns concentran o maior número de falecidos

Publicado o 27/03/2020 08:37

Dos 1.065 usuarios de residencias de anciáns madrileñas que morreron durante o mes de marzo, 760 faleceron no mesmo centro e 305 en hospitais. A Comunidade de Madrid asegura que non se pode afirmar que os decesos foran causados polo coronavirus porque non había tests dabondo. Con todo, no mesmo mes do ano pasado morreran moitos menos, douscentos.

A rede de centros da comunidade madrileña ten arestora rexistrados 655 positivos, e hai case quince mil persoas en illamento. Esta situación extrema sófrena os propios usuarios e as súas familias, que a maiores desconfían dos procedementos, máxime cando se soubo que a UME atopara cadáveres en varias residencias, como nesta de Usera.

Os traballadores tamén se ven desbordados, con planteis minguados pola doenza, como ocorre na residencia de Chamartín, onde morreron 25 persoas.

Un informe divulgado pola Cadena Ser calcula que en total 1.517 usuarios de residencias morreron en España por culpa do andazo, o cal supón máis dun terzo do total de falecidos por esta doenza. En Cataluña nas últimas horas contabilízáronse polo menos 150 decesos. Andalucía rexistra 51 casos. Nunha residencia de Granada perderon a vida dez anciáns nos últimos días, sete coa covid-19.

Nas residencias galegas morreron cinco usuarios co coronavirus. Arestora hai 134 positivos nos centros de maiores da nosa comunidade autónoma. Deles, 28 son traballadores. Neste momento, o máis afectado é o DomusVi de Vigo, con 34 contaxiados, seguido doutro de Santiago do mesmo grupo, con 24 casos confirmados.

As forzas armadas xa actuaron en 753 residencias de máis de duascentas localidades.

Noticias web

27/03/2020