CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Morreu o xornalista Xosé Luís Alvite

Publicado o 16/01/2015 15:24

O xornalista e escritor Xosé Luís Alvite morreu onte aos 65 anos en Compostela, a súa cidade natal, vítima do cancro. Hai un ano, os seus compañeiros da Asociación de Xornalistas de Galicia concedéronlle o premio Diego Bernal nun acto moi emotivo ao que xa non puido asistir pola súa saúde.

Recuperamos unha das últimas entrevistas concedidas polo xornalista. Foi hai un par de anos. Falou do divino e do humano con Periodista Digital. E deixou reflexións coma esta.

"Perderon o contacto coa rúa. De feito, agora a prensa resíntese porque falta publicidade, faltan subvencións e atópanse con que nos quioscos non hai xente na cola. Esqueceron os quioscos e maila rúa. Non teñen lectores. Cando queiran volver á rúa resulta que xa non hai xente esperando", destacaba o xornalista.

Crítico coa deriva da profesión, Alvite recoñecía que se sentiu na obriga de exercela por ser fillo, neto e sobriño de xornalistas. os seus primeiros pasos deunos en El Correo Gallego. Traballou tamén en La Voz de Galicia e escribiu para Diario 16 ou Faro de Vigo. Ultimamente, para La Razón. Publicou media ducia de libros. Entre eles, "Historias del Savoy" e "Lilas en un prado negro". Morreu onte en Compostela, aos 65 anos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí