CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Morreu Chuck Berry, morreu o rock and roll

Publicado o 19/03/2017 14:56

O mundo da música e da cultura en xeral está hoxe de loito polo pasamento aos 90 anos de Chuck Berry, unha das maiores figuras do rock and roll desde os anos cincuenta do século pasado. Un mito que en 1993 actuou na Coruña dentro da programación do Xacobeo daquel ano.

Pioneiro, pai fundador, figura capital, pedra angular... Coa morte de Chuck Berry onte en Missouri, o rock queda orfo de por vida. El foi quen equilibrou a ecuación dun xénero que partía de acelerar o blues e amplificar a súa dureza. Berry engadiu a diversión, e o rock converteuse en rock and roll, para que rebeldía e festa camiñasen unidas da man.

Animal escénico incomparable, repartiu o seu talento entre a guitarra e a composición. O son que Chuck Berry lles sacaba ás cordas aínda se imita nos nosos días. As súas letras, cargadas de mensaxes cifradas sobre o sexo ou as drogas, escandalizaron unha sociedade pouco afeita daquela a estrelas coa pel negra. Pero nin o cárcere, onde pasou ano e medio por, literalmente, "transportar unha menor de idade para fins inmorais", puido con Berry.

A súa única visita a Galicia produciuse o 10 de xullo de 1993. Tiña 64 anos e foi o encargado de clausurar o multitudinario Concerto dos Mil Anos no Estadio de Riazor ante máis de trinta mil persoas. Nas horas previas deu mostras do seu terrible carácter. Así o contou a TVG no programa Clipmanía, emitido poucos días despois.

Chuck Berry morreu onte moi preto do lugar no que nacera 90 anos atrás. Tiña un novo disco en camiño, o primeiro con cancións novas en case catro décadas. Os seus discípulos máis avantaxados encabezan as honras fúnebres. Pero a luz de Chuck Berry sempre seguirá acesa.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí