Falece aos 65 anos o exalcalde de Ponteareas Xosé Represas

O exalcalde de Ponteareas Xosé Represas faleceu na mañá deste luns, semanas despois de abandonar o cargo que ostentaba desde 2015 por motivos de saúde. A morte do exrexedor foi confirmada pola Deputación de Pontevedra, que expresou a través das redes sociais o seu pesar pola perda de Represas, unha dor á que tamén se sumaron outras formacións e representantes políticos, como a presidenta pontevedresa, Carmela Silva, ou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.
O exalcalde, de 65 anos, entrou na corporación municipal en xuño de 2007. Gañou as eleccións do 2015 encabezando un goberno en minoría. Converteuse no primeiro rexedor nacionalista de Ponteareas e en 2019 revalidou o cargo nun goberno en coalición co PSOE. Represas acababa de facer 65 anos e, ademais, da súa carreira política, foi un salientable impulsor da recuperación dos montes veciñais
Desde a súa saída do concello, a alcaldía de Ponteareas ocúpaa a tamén nacionalista Cristina Fernández Davila, tenente de alcalde con Represas e a súa substituta, primeiro en funcións e, desde finais de abril, a todos os efectos tras a renuncia do exalcalde.
Cun pleno extraordinario, Ponteares decretrou tres días de loito oficial e esta tarde gardou un minuto de silencio diante da Casa do Concello.