CRTVG

Buscar

Morren tres civís máis en Bolivia, onde a ONU avisa de que ten que haber rendición de contas

Publicado o 20/11/2019 08:42
Morren tres civís máis en Bolivia, onde a ONU avisa de que ten que haber rendición de contas

A crise en Bolivia suma outros tres mortos: faleceron por disparos nun operativo en que militares e policías dispersaron manifestantes partidarios do dimisionario presidente Evo Morales deixando ademais unha trintena de feridos, algúns de gravidade.

Sucedeu nun dos seus bastións, en El Alto, nas inmediacións da principal refinaría que subministra combustible a esa cidade e á capital do país. Centos de persoas mobilizábanse nos seus arredores desde a fin de semana e as Forzas Armadas aseguraron -vía comunicado- que actuaron porque recibiran información de que podía ser ocupada; de feito dixeron que grupos de vándalos destruíron parte das instalacións usando potentes explosivos co risco dun estoupido en cadea. Horas despois, o ministro interino de Defensa negaba que o exército disparara nin un só proxectil.

Con eles son xa 27 as vítimas mortais. O Defensor do Pobo pedíu a desmobilización das Forzas Armadas "para evitar máis falecidos". O mesmo reclamou a presidenta do Senado, Eva Copa, que chamou tamén ós partidarios de Evo Morales a "depoñer posicións". A parlamentaria do MAS, o partido do dimisionario presidente, adiou para hoxe a sesión da Cámara que debe iniciar o proceso para convocar novas eleccións. O Goberno interino dálle "un par de días" para facelo, abrindo se non a porta a convocalas por decreto.

Pouco despois do sucedido na refinaría, un grupo de violentos atacaba con artefactos incendiarios a casa da alcaldesa de El Alto, do partido agora no Executivo.

A ONU reiterou a súa preocupación e advertiu de que cando hai violencia e mortes de civís "ten que haber rendición de contas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí