CRTVG

Buscar

Morren os 176 pasaxeiros dun avión ucraíno tras engalar no aeroporto de Teherán

Publicado o 08/01/2020 13:42

• Confirman que houbo un fallo no motor e descártase unha acción terrorista

Non houbo sobreviventes entre as 176 persoas que viaxaban a bordo do avión ucraíno que esta madrugada se estrelou no aeroporto de Teherán. O aparello, un Boeing 737, caeu ao chan dous minutos despois de engalar con destino a Kiev. 

O avión engalara ás seis e dez da mañá e só dous minutos despois caeu ao chan.

O aparello, un Boeing 737, levaba 176 persoas a bordo entre viaxeiros e tripulación e cubría o traxecto entre Teherán e Kiev.

O feito de que se producira pouco despois dos ataques iranianos ás bases estadounidenses en Iraq espertara todo tipo de rumores sobre o sinistro.

Pero as primeiras investigacións indican que o avión sufríu un problema técnico que puido orixinar que un dos motores se incendiase.

As autoridades confirmaron que non houbera sobreviventes e que as vítimas eran na súa maioría iranianas e canadenses, aínda que tamén de Ucraína, Suecia, Afganistán, o Reino Unido e Alemaña.

Os voceiros da compañía aérea ucraína aseguraron que os pilotos tiñan moita experiencia, e que o avión, que só tiña tres anos, pasara a súa ultima revisión hai dous días.

Boeing, o fabricante do aparello sinistrado, xa se vira obrigado a paralizar a produción do seu modelo máis vendido, o 737 MAX, despois de que o ano pasado dous destes avións se precipitaran ao chan nada máis engalar por un problema técnico.