CRTVG

Buscar

Galicia suma 155 mortos e 4.635 casos de coronavirus

Publicado o 03/04/2020 12:54

• 176 pacientes permanecen na UCI e 870 en unidades de hospitalización

• Fixéronse máis de 23.300 probas e 435 persoas recibiron xa a alta 

Galicia sumou nas últimas horas 25 falecementos de persoas con coronavirus, o que sitúa a cifra de mortos en 155.

Na última actualización feita pública pola Xunta de Galicia, o número de casos de coronavirus na comunidade ascende a 4.635, 265 máis ca no reconto anterior. A cifra amosa un menor crecemento de contaxios ca na xornada anterior, cando o salto foi de 321 novos casos.

Do número total de infectados, 1.049 son da área de Vigo, 990 da da Coruña, 694 da de Ourense,, 675 da de Santiago, 533 da de Lugo, 425 da de Pontevedra e 269 da de Ferrol. 

Máis do 75 por cento dos pacientes positivos, ata un total de 3.589, permanecen no seu domicilio. Son 194 máis ca onte. 176 están na UCI, (11 máis ca onte) e 870 en unidades de hospitalización (51 máis ca onte).

Polo de agora, en Galicia rexistráronse 435 altas de pacientes, 102 máis ca na xornada anterior.

O número de PCR realizadas é de 23.324, 1.964 máis.

Os falecidos nas últimas horas son dous homes de 74 e 78 anos, ingresados no CHUAC; dúas mulleres de 82 e 90 anos que estaban ingresadas no hospital do Barco de Valdeorras; e dous homes de 83 e 75 anos ingresados no CHUS. Todos eles tiñan patoloxías previas.

No día de hoxe tamén se coñecía a morte de tres varóns de 83, 67 e 88 anos que estaban ingresados no CHUAC; tres mulleres de 88, 57 e 74 anos e dous varóns de 83 e 84 que estaban ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro; dúas mulleres de 91 e 76 anos ingresadas, respectivamente, no CHUO e no CHUF, e un varón de 74 ingresado no CHUS.