CRTVG

Buscar

Morren nun naufraxio polo menos 57 migrantes que trataban de chegar a España

Publicado o 05/12/2019 05:58
Morren nun naufraxio polo menos 57 migrantes que trataban de chegar a España

Restos doutro naufraxio

Polo menos cincuenta e sete migrantes morreron ó ir a pique a embarcación na que viaxaban fronte ás costas mauritanas. Algunhas informacións apuntan que no barco ían cento cincuenta persoas ou mesmo máis polo que, tendo en conta que de momento se contan setenta e catro superviventes, a cifra final de falecidos podería superar os setenta e seis.

As operacións de rastrexo continúan na zona, no litoral da cidade de Nuadibú, no noroeste do país africano.

Os que sobreviviron explican que a embarcación chocou cun arrecife e naufragou. Salváronse os que sabían nadar, que foron quen de chegar a terra e pedir axuda: medios mauritanos din que foron trasladados a un centro de acollida logo de recibir atención médica, auga, comida e mantas. O mar devolveu a terra ducias de cadáveres. Saíran o xoves de Gambia e dirixíanse cara as illas Canarias.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí