CRTVG

Buscar

Morren en Lugo dúas mulleres da residencia de Outeiro de Rei, onde xa ascenden a 19 os falecidos

Publicado o 26/09/2020 21:29

As dúas mulleres que morreron estaban ingresadas no Hula. Unha tiña 92 anos e a outra 85. Contaxiáranse no gromo de covid que se detectou na residencia de Outeiro de Rei.
Onte mesmo morría outro interno, un home de 65 anos, con patoloxías previas, que tamén estaba no hospital de Lugo. Xa son 19 as vítimas mortais procedentes deste centro.

Esta residencia é o lugar máis preocupante arestora na provincia de Lugo. Hai 139 internos afectados, e 19 deles están ingresados no hospital lucense. Tamén hai 24 traballadores que deron positivo. O Sergas realizou novas probas, pero de momento non deron a coñecer os resultados.

En toda a provincia volveron subir os casos activos. Hai dez máis ca na xornada anterior e xa suman 640.

Segundo os datos facilitados a mediodía polo Sergas, tamén subiron os ingresos na Uci, con sete enfermos no HULA e 29 na planta de hospitalización.

Outros nove están ingresados no Polusa. Son residentes da unidade do maior deste policlínico, onde se detectou un gromo hai uns días.

Noticias web

26/09/2020