CRTVG

Buscar

Morren catro persoas con coronavirus, tres en Ourense e unha en Santiago

Publicado o 18/10/2020 19:53

• Os casos activos de coronavirus aproxímanse os 5.000

• Con Cangas son 12 os concellos galegos en alerta vermella

 

 

Sanidade informa do falecemento de catro persoas nas últimas horas diagnosticadas con coronavirus: un home de 75 anos ingresado no Hospital Clínico de Santiago, unha muller de 70 anos que estaba no hospital de Ourense e procedía da residencia de maiores Os Gozos do Pereiro de Aguiar e outras dúas mulleres de 86 anos usuarias deste centro e que morreron alí.

Os mortos desde o comezo da pandemia son xa 822 persoas. Nesta xornada rexistrouse tamén un récord de contaxios na segunda vaga en Galicia cun agravamento da presión hospitalaria. Súmanse 437 positivos nunha soa xornada, a cifra máis alta desde o 30 de marzo. Sitúase así a cifra de casos activos en 4.932, preto dos 5.000. Sobe a presión hospitalaria, con 246 persoas ingresadas, 17 máis que o sábado, e con 43 pacientes en UCI, tres máis que a xornada anterior.

Son 12 as localidades galegas en alerta vermella coa inclusión de Cangas do Morrazo. Por áreas sanitarias crece a preocupación na de Vigo, con 101 contaxios novos, co que son 708 os casos activos de infeciòn de covid−19, e na de Santiago, con 77 novos diagnósticos por PCR e 719 casos activos. En Ourense hai unha lixeira estabilizaciòn coas medidas restritivas que afectan a diferentes concellos da provincia.