CRTVG

Buscar

Morre unha nena no helicóptero de rescate tras pasar 17 días nun caiuco

Publicado o 30/06/2021 09:14
Morre unha nena no helicóptero de rescate tras pasar 17 días nun caiuco

Unha nena de cinco anos, de orixe subsahariana, faleceu esta noite cando era evacuada en helicóptero polo Exército do Aire a Canarias xunto cun home e unha muller. Segundo informou o 112, os tres pasaran 17 días perdidos no Atlántico a bordo cun caiuco.

O aparello do servizo de procura e rescate (SAR) que os recolleu do mercante que os socorría, o Cape Taweelah, chegou ao Hospital Universitario Doutor Negrín das Palmas de Gran Canaria sobre as 23:50 horas deste martes.

A nena e a muller atopábanse en moi mal estado desde que foron auxiliadas polo buque e entraron en parada cardiorrespiratoria durante o voo, duns 500 quilómetros. O persoal sanitario do SAR do Exército tentou reanimalas, pero só conseguíron devolverlle o alento á muller adulta.

Localizado por un mercante

O mercante topou o caiuco o martes nun punto do Atlántico situado entre Nuadibú (Mauritania) e Dakhla (Sáhara), dous dos lugares máis frecuentes de saída destas embarcacións cara ás Illas Canarias. Polo momento, descoñécese se partira desa zona ou quedara á deriva e foi arrastrada durante días cara a esa posición pola corrente e o vento.

Nada máis recibir o aviso do Cape Taweelah, Salvamento Marítimo mobilizou de urxencia desde o porto de  Arguineguín a Guardamar Talía, que tiña previsto chegar á súa posición sobre a medianoite, tras unhas dez horas de navegación a velocidade de rescate.

Con todo, a operación abortouse cando o Talía percorrera uns 160 quilómetros porque o cargueiro comunicou que conseguira izar á súa cuberta 35 persoas con vida (seis nenos, 16 mulleres e 13 homes adultos), pero tamén que a bordo do caiuco quedaba o cadáver dun home.

Mal rixo

Os mariñeiros deste buque das Illas Marshall tiveron as súas dúbidas sobre se acometer ou non esa manobra, porque había mar rixo e calquera movemento en falso podía facer que a pequena embarcación se estrelase contra o casco do mercante, de 291 metros de eslora.

Ao final, lográrono. Con todo, de seguido comunicaron a Salvamento que unha nena necesitaba evacuación urxente, e o Exército do Aire enviou ao seu encontro un helicóptero do SAR, dende a Base de Gando (Gran Canaria).

A aeronave aterrou no Hospital Doutor Negrín pouco antes de medianoite. A pequena ingresou cadáver, a muller foi conducida á unidade de coidados intensivos en estado crítico e o home ingresou noutro hospital da cidade, o Insular.

Unha morte ao día

Ata confirmárense estas dúas novas mortes, a Organización Internacional das Migracións (OIM) e o Alto Comisionado das Nacións Unidas para persoas Refuxiadas (ACNUR) cifraban o número de vítimas mortais tentando chegar ás Canarias entre as 136 e as 160 persoas neste primeiro semestre. Isto supón unha media próxima a un falecemento ao día.

Noticias web

30/06/2021