CRTVG

Buscar

Morre unha muller de 90 anos en Tomiño no incendio da súa vivenda

Publicado o 26/09/2019 21:18

• Un home quedou ferido pola inhalación do fume

• A traxedia ocorreu esta tarde no lugar de Cristelos

Unha muller faleceu e un home resultou ferido, por inhalación de fume, a causa dun incendio producido esta tarde na súa vivenda, situada no lugar de Cristelos, en Tomiño. O 112 Galicia tivo constancia do lume ao fío das 17:45 horas, grazas á chamada de alerta dun particular que indicaba ver saír lume da casa. No seu relato indicaba que podería atoparse unha persoa dentro da vivenda.

Axiña, os xestores do 112 puxeron en marcha un operativo formado polo servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaba unha ambulancia medicalizada ao lugar, os Bombeiros do Porriño e os membros do GES da Guarda. Do mesmo xeito, informouse a Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade. Cómpre destacar que os bombeiros de Vigo foron tamén informados polo 112 Galicia por se fose precisa a súa intervención.

Xa no lugar e rematados os labores de extinción, os bombeiros confirmaban ao 112 Galicia a existencia dunha muller dentro da vivenda, trasladada en padiola ata onde agardaban os servizos médicos desprazados. Pese aos esforzos do persoal sanitario, só puideron confirmar o seu falecemento.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/09/2019