CRTVG

Buscar

Morre unha muller de 80 anos en Melide ao ser atropelada por un camión

Publicado o 18/01/2019 14:30

O equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico investiga as circunstancias dun atropelo mortal ocorrido contra as sete da tarde de onte en Melide.

A vítima é unha muller de 80 anos, nacida en Palas de Rei e veciña de Melide. Non se sabe por que atravesou a estrada nacional entre Lugo e Santiago por este punto, mal iluminado e perigoso, a cinco quilómetros da zona urbana, case no límite coa provincia de Lugo.

"Ten leiras en varios sitios, en Palas e aquí onde se produciu o atropelo. Se cadra veu aquí velas e a esa hora da noite, sen iluminación, con roupa escura, a visibilidade era nula practicamemnte. Pode ser unha das causas deste accidente."

Ao lugar desprazáronse equipos de Protección Civil, de urxencias médicas e da Garda Civil de Tráfico. O condutor do camión que a atropelou declarou que non a viu, que só sentiu o golpe.

"Unha vez comprobamos que a señora morrera, estivemos atendendo o condutor do camión que estaba moi afectado."
As primeiras indagacións realizadas pola Garda Civil indican que o chofer respectaba o límite de velocidade marcado na zona e fixera os descansos establecidos.

 

Noticias web

18/01/2019