CRTVG

Buscar

Unha muller de 26 anos morre en Tenerife asasinada pola súa parella

Publicado o 25/11/2019 20:57

Xustamente hoxe, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, un home matou en Tenerife a súa parella, Sara, de 26 anos. Foi no barrio de San Isidro, do concello de Granadilla de Abona. A corporación municipal celebrou un pleno para condenar este asasinato machista e decretou tres días de loito oficial. O alcalde lembrou que a vítima traballou tres meses cun contrato en prácticas no departamento de Informática do Concello. 

José Domingo Regalado, alcalde de Granadilla: "Sara non pode ser un número máis, ten que ser un antes e un despois que nos faga reflexionar que nos faga pensar que camiño imos levar. Temos que mellorar a educación, mellorar os medios e poñer todos os medios para que non sigan producíndose máis vítimas por violencia de xénero no noso país".

Sara tiña 26 anos e estudaba un programa de formación do Instituto de Enerxías renovables. Este luns, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, foi acoitelada pola súa parella, de 29 anos, que despois intentou suicidarse. A Garda Civil arrestouno e levouno ao hospital. Ten feridas leves nas mans. Nas próximas horas pasará a disposición xudicial. Sucedeu de madrugada nesta zona do concello de Granadilla. No 112 recibiron varias chamadas.

"Alertándonos dunha forte discusión entre unha parella, cando se presentan no lugar tamén vén a Garda Civil e tamén os servizos médicos, pero decátanse de que houbo unha forte agresión que acabou co falecemento dunha muller de 26 anos".

Segundo parece, a vítima puido chamar ao teléfono de atención ás vítimas de violencia machista, pero os sanitarios non puideron facer nada debido á gravidade das feridas. Coa súa morte xa son 52 as mulleres asasinadas polas súas parellas no que vai de ano.

 

Noticias web

25/11/2019