CRTVG

Buscar

Morre un veciño do Porriño atacado por avespas velutinas mentres cortaba unha árbore

Publicado o 15/11/2017 13:46

Estaban a cortar unha maceira no Porriño, sen saber que nela aniñara un enxame de avespas asiáticas, e a partir de aí, a traxedia. 

Ángel González, de 54 anos, e o seu amigo Santiago estaban a cortar unha maceira nunha leira na parroquia de Budiño, no Porriño. Cando a árbore caeu, o niño de avespas asiáticas axitouse e as avespas saíron e atacaron os homes. Santiago puido correr e agocharse na adega dun familiar. Cando regresou, o seu veciño Ángel xa agonizaba. Sucedeu a carón da casa en que vivía coa súa nai.

Santiago foi tratado das picadas no lugar, e conseguiron baixarlle a inflamación. Malia que o día anterior estiveran a rozar o lugar, non viran o niño de avespas. A familia do falecido descoñece se era alérxico ao veleno das avespas ou das abellas. O seu corpo foi trasladado ao hospital Nicolás Peña, onde lle practican a autopsia.  

Só na área sanitaria de Vigo, 260 persoas son atendidas por alerxia ao veleno de avespas e de abellas. Hoxe mesmo está previsto que sexa retirado o niño de asiáticas do Porriño. No mesmo barrio elimináronse outros tres nos últimos meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2017