CRTVG

Buscar

Morre un veciño de Mos atrapado debaixo da árbore que serraba

Publicado o 08/04/2019 19:05

Un home de 74 anos morreu esta tarde en Tameiga, en Mos, cando intentaba serrar unha árbore baixo da que, finalmente, quedou atrapado.

Foi a propia muller do falecido a que, ao tardarlle o seu regreso, foi na súa busca e o atopou. Malia que ao lugar do tráxico accidente se desprazaron os servizos de emerxencias, xa non puideron facer nada por salvarlle a vida á vítima. Tamén se desprazaron ata alí efectivos da Policía Local e da Garda Civil, corpo que se ocupa xa da investigación dos feitos, que tiñan lugar contra as cinco da tarde deste luns, e que manteñen conmocionados os veciños desta parroquia pontevedresa.

Espérase que os resultados da autopsia boten luz sobre este caso.

Oito falecidos no que vai de ano

Con este de Mos son xa 8 as persoas falecidas no que vai de ano mentres cortaban ou podaban árbores. Algunhas das vítimas eran particulares que traballaban nun terreo propio, pero tamén profesionais. En Vilasantar, un veciño tentaba cortar esta árbore dende a parte baixa dun valado cando a motoserra quedou enganchada. Foi o 15 de xaneiro. Os intentos por sacar a máquina do tronco fixeron que a árbore lle caera enriba. 

Tres días despois, outro home con máis experiencia, un xornaleiro de 58 anos, falecía en Carballedo, en Lugo, nunhas circunstancias moi parecidas. O home podaba nunha carballeira cando lle caeu enriba unha póla. Febreiro foi un mes especialmente tráxico. En só unha semana morreron 3 persoas cortando árbores. O caso máis curioso, o do dono dunha empresa de servizos forestais. Faleceu en Brión mentres facía traballos no monte.

En todos os casos, as vítimas faleceron no acto. Ningún servizo de emerxencia puido facer nada por salvarlles a vida. Nalgúns casos, a causa do sinistro parece ser a inexperiencia. Noutros, o exceso de confianza. Cortar madeira implica un risco moi alto. 

O sector forestal é, despois da construción, o que ten un índice máis alto de sinistralidade laboral.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí