CRTVG

Buscar

Morre un veciño de Monfero atrapado pola máquina coa que cortaba a leña

Publicado o 03/01/2019 14:08

Un veciño da Picheira, no concello coruñes de Monfero, morreu cando estaba a facer leña para autoconsumo nesta leira á entrada do lugar. Estaba a utilizar un fuso accionado polo tractor.

A vítima, Andrés Maceira, tiña 76 anos e, segundo veciños seus, desenvolvíase dun xeito activo na rutina cotiá da aldea. Onte á mañá púxose a rachar os troncos que tiña aquí acumulados. Nalgún momento do seu traballo achegouse moito ao fuso en funcionamento, algunha das prendas de roupa que levaba tocou co cono xirando, enganchouse e matouno.

Manuel, o veciño do lado que estaba a traballar nun terreo situado máis enriba, acudiu onda el ao observar que no fuso xiraban anacos de roupa e non vía a Andrés. Cando chegou, xa non puido facer nada por salvalo. Foi pasadas as dúas da tarde.

Chamou os servizos de urxencia, que desprazaron ao lugar bombeiros e asistencia sanitaria.
O cadáver foi trasladado á Coruña para facerlle a autopsia e esta mañá os seus familiares estaban á espera de completar trámites para preparar o sepelio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/01/2019