CRTVG

Buscar

Morre un traballador na papeleira de Brandia, en Santiago

Publicado o 09/10/2019 20:52

Silencio, era o único que se escoitaba ás portas da papeleira de Brandia onde esta tarde tiña lugar unha concentración en lembranza do compañeiro falecido a pasada madrugada. O home, de 45 anos e veciño de Taragoña, en Rianxo, morría ao quedar atrapado nunha das máquinas da fábrica. Un rolo de grandes dimensións da cadea de produción do papel. Os seus compañeiros non se explican como puido pasar.

Benito Blanco Lema, secretario comarcal da Federación de Industria de Compostela: "O que pasou non o sabemos de momento, está a inspección de traballo facendo unha investigación moi exhaustiva de todo o que puido pasar".

A máquina está acoutada por reixas e o acceso é restrinxido. Sospéitase que o home intentaba solucionar algún problema na máquina cando o rolo lle enganchou un brazo. Os seus compañeiros pararon os motores e sacárono de alí, o accidente laboral deixounos moi afectados.

Benito Blanco Lema, secretario comarcal da Federación de Industria de Compostela: "Están todos moi afectados, é unha pobre persona que se levanta todos os días par vir traballar e hoxe non puido volver para a casa".

Os servizos sanitarios intentaron reanimar o home arredor dunha hora, pero xa non puideron facer nada por salvarlle a vida.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019