Morre un traballador e outro queda ferido nun accidente laboral en Campo Lameiro
Unha persoa faleceu e outra quedou ferida grave nun accidente laboral que se rexistrou no municipio pontevedrés de Campo Lameiro, tras esborrallarse o tellado da casa en que estaban a traballar.
O suceso, segundo confirmou o 112 Galicia, produciuse sobre as once da mañá nunha vivenda unifamiliar situada no lugar de Liñariños.
#AXEGAInforma dun traballador falecido e outro ferido despois de caer dun tellado, en Campo Lameiro. Ata o lugar desprazouse o helicóptero medicalizado que evacuou a persoa ferida ao Hospital Montecelo. Ademais, o #112Galicia informou do suceso a @guardiacivil e @emerx_aestrada. pic.twitter.com/fLHcDDyx8z
— 112Galicia (@112Galicia) February 5, 2020
O falecido é un mozo de 21 anos e o ferido grave ten 49 anos, e ambos, segundo puido saber Efe, son pai e fillo.
No momento do accidente estaban a traballar sobre o tellado en obras xunto con outros dous operarios e precipitáronse ao chan ao esborrallarse a estrutura.
As urxencias sanitarias do 061 mobilizaron un helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela para evacuar as dúas vítimas, aínda que o mozo faleceu no lugar.
Ao lugar trasladáronse tamén efectivos do GES da Estrada e axentes da Garda Civil, que se fixeron cargo da investigación para aclarar as causas do accidente.