CRTVG

Buscar

Morre un preso no cárcere de Teixeiro tras causar un incendio na súa cela

Publicado o 16/05/2019 05:29
Morre un preso no cárcere de Teixeiro tras causar un incendio na súa cela

Repítese a historia no cárcere de Teixeiro: un preso volve prenderlle lume á súa cela. Desta volta, o recluso morreu por inhalación de fume.

Este incidente rexistrouse á última hora da tarde de onte na galería do módulo de illamento do penal coruñés, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia. Nese lugar, no módulo de illamento, é onde están os presos considerados perigosos, tanto para os traballadores da prisión como para os demais reclusos.

O preso chegara onte á tarde a Teixeiro e horas despois causaba un incendio na súa cela. As causas investíganse, pero algunhas fontes apuntan a que a súa intención podería ser facerlles dano aos funcionarios cando o fosen socorrer. Finalmente, o home morreu asfixiado polo fume.

Hai só uns días, outro preso perigoso de Teixeiro tamén causara un incendio no módulo de illamento. Neste caso, a intervención dos funcionarios impediu danos persoais.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí