CRTVG

Buscar

A Asociación da Rapa das Bestas da Estrada denuncia a morte a tiros dun cabalo no monte

Publicado o 06/06/2019 13:06

A Garda Civil investiga a morte dun poldro como consecuencia dun tiro no pescozo. Membros da Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, á que pertencía o animal, sospeitan que alguén o matou para apoderarse da carne.

En plena agonía. Uns membros da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo atoparon así este poldro. O animal tiña un disparo no pescozo, como consecuencia do cal morreu en pouco tempo.

Iván Sanmartín. Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo: "Tiña unha ferida que lle atravesaba o pescozo. O proxectil saíra. Non o atopamos pero cremos que foi un proxectil dos que se usan para matar xabarís. Atravesáralle o pescozo dun lado a outro, estaba tombado no chan coa nai cerca, agonizando."

Aconteceu o domingo pasado e no lugar, no monte das Lamas, na Estrada, no límite con Campo Lameiro, xa non quedan restos do cabalo. Os membros da Asociación da Rapa das Bestas cren que quen lle disparou quería matalo para aproveitar a carne, pero que o poldro escapou ferido ata o lugar onde finalmente morreu.

Iván Sanmartín. Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo: "O feito de que dispararan só un dos membros da manda, neste caso unha cría, cremos que é porque intentaban matalo e transportalo nalgún vehículo para levalo para un domicilio ou vendelo."

Non teñen probas pero sospeitan da existencia de ladróns de gando no monte e piden máis vixilancia.

Iván Sanmartín. Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo: "É unha salvaxada. O monte debería estar máis vixiado para evitar este tipo de accións. Desaparecéronnos poldros, non sabemos se por este sistema ou se os levan vivos, e sospeitamos que é por este interese en facerse coa carne."

O Seprona abriu unha investigación para tratar de identificar o autor do disparo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2019