CRTVG

Buscar

Morre un pescador deportivo arrastrado por unha onda na Punta da Buítra en Muxía

Publicado o 06/01/2020 12:16

Un veciño de Culleredo de 39 anos faleceu ao ser arrastrado por unha onda e caer o mar. Estaba pescando na costa de Muxía canda seu pai, que foi o que deu a voz de alarma. 

O Helimer 401 e a Salvamar Altair movilizáronse tras a chamada de alerta. A Garda Civil, Protección Civil e a Policía Local de Muxía acudiron á zona por terra.

Ramón Pérez, Protección Civil de Muxía: "O rescate foi moi rápido. Cando se colleu aínda había pouco tempo que caera ao mar, e tratamos de salvarlle a vida, se había algunha posibilidade. Pero por desgraza non houbo ningunha posibilidade"

O home caeu o mar sobre as 10.30 da mañá. Vivía en Culleredo pero era natural de Pino de Val, en Mazaricos. Tiña 39 anos. O pai estaba canda el.

Ramón Pérez, Protección Civil de Muxía: "Pola información que temos di que o mar o envolveu e que o levou. Non caeu, nin esvarou. Arrastrouno o mar"

Pescaban en Punta da Buítra, unha zona próxima ao parador de Muxía en que adoitan traballar os percebeiros. Un lugar perfecto para a pesca deportiva pero con evidentes riscos. O mar bate con forza e as postas son perigosas.

Ramón Pérez, Protección Civil de Muxía: "É unha zona á que van moitos pescadores. Este ano por desgraza xa levamos dous ou tres casos destes. A xente confíase e hai cantís perigosos"

En xuño, un pescador de Santa Comba quedou illado cando subiu a marea. Membros da Policía Local e de Protección Civil localizárono e puidérono izar cun cabo.

Dous meses antes, o helicóptero rescatou un percebeiro ferido. Quedara atrapado entre as rochas. Foi evacuado ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, onde chegou cunha rotura de nocello, tibia e peroné.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/01/2020