CRTVG

Buscar

Morre sepultado por un muro de pedra cando traballaba nunha casa en Padrón

Publicado o 14/10/2019 21:37

O accidente produciuse cando se derrubou un dos muros da vivenda. As pedras caéronlle enriba e deixárono totalmente sepultado. O home estaba nese momento co seu fillo, que é compañeiro de traballo. O mozo foi pedir axuda inmediatamente pero os equipos médicos xa non puideron facer nada por salvarlle a vida.

A media tarde os servizos funerarios viñan buscar o corpo sen vida dun home de 57 anos que falecía mentres traballaba nas obras de rehabilitación desta casa de pedra. Emerxencias sanitarias e os bombeiros intentaban antes o seu rescate sen éxito.

A casa onde se produciu o accidente laboral está no lugar de Areal, no concello de Padrón. Segundo nos contan fontes próximas ao dono da vivenda, pai e fillo dunha pequena empresa familiar de Pazos, estaban conversando de costas cando, de súpeto, un muro de pedra caeu enriba do proxenitor. O fillo deu a volta e xa o atopou sepultado. Nese momento acudiu ao bar máis próximo para pedir axuda.

Dáse a circunstancia de que unha das dúas traballadoras que estaban no local é a irmá do propietario da vivenda. Foron elas as que chamaron á ambulancia e o acompañaron ata a casa. Alí decidiron non tocar nada ante o posible risco dun novo derrubamento mentres atendían as instrucións do 112 de chamalo e comprobar se respondía. Inmediatamente despois chegarían os servizos sanitarios, os bombeiros, a Policía Local e a Garda Civil.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí